O porqué do «Agonista» Dixital.

«Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agón (grego clásico ἀγών) é unha palabra do grego antigo que ten varios significados:

* Por unha banda, referíase a un concurso ou competición, especialmente os Xogos Olímpicos (Ὀλυμπιακοὶ Ἀγῶνες), ou un desafío relacionado con festas relixiosas.[1][2]
* Nun sentido amplo de enfrontamento ou competición, agón referíase a unha competición de atletismo, música, literatura, carreiras de cabalos ou de bigas nun festival público da Grecia antiga.
* Agón tamén era unha personificación mitolóxica das devanditas competicións.[3] Este deus estaba representado nunha estatua en Olimpia con halteres (ἁλτῆρες) nas mans. Esa estatua era obra do escultor Dionisio de Argos, e fora encargada por Smicythus de Rhegium.[4]
* No teatro da Grecia antiga, particularmente na comedia antiga (século V a. C.), agón refírese á convención formal pola que o conflito entre os personaxes debe fornecer a base da acción. Agón é un debate formal que manteñen os personaxes principais dunha obra de teatro grega, protagonista e antagonista, a miúdo co coro actuando como xuíz. O personaxe que fala de segundo sempre gaña o agón, xa que a última palabra sempre é súa. O significado do termo chegou a sobardar os límites da súa orixe clásica para designar, de xeito máis xenérico, o conflito en que se basea unha obra literaria.
* Harold Bloom na súa obra The Western Canon (O canon occidental) usa o termo agón para se referir ás ocasións en que un escritor tenta resolver un conflito intelectual entre as súas ideas e as dun predecesor influente, co resultado de que «o peixe grande come o pequeno», como no capítulo 18: «Joyce’s Agon with Shakespeare».

En galego hai diversas palabras derivadas de agón, como agonía, protagonista, antagonista, etc.»

Artigo extraído da Galipedia.

Eis aquí o porqué foi elixido o nome de agonista. Todos, nalgún intre ao longo do día vémonos inmersos en debates e disputas máis ou menos dialécticas, máis ou menos intelectuais, pero das cales saímos gañadores en tanto en canto, a pesares de «gañar» ou «perder» o debate, saímos coas ideas e as miras renovadas debido ao intercambio de coñecementos vivido durante o mesmo.

Deja una respuesta