«Os que falan mal dos políticos». Adro. Sempre en Galiza. Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

Lémbrome dalgúns galegos que viven para o seu bandullo, porque son ben asisados e non sofren as inquedanzas dos demáis.
Parece que teñen o pesimismo dos vellos e aínda non se aventuraron en ningunha empresa. Parece que teñen o escepticismo dos que están de volta e aínda non arriscaron a viaxar. Parece que triunfaron nalgunha loita terríble, decisiva, e non fixeron máis ca fuxir diante dos perigos. Parece que merecen o que gañan e non saben decatarse da sorte que os empurrou. Parece que están capacitados para regalar consellos e coas súas sentenzas egoístas acabaríase o mundo.
Son comenenciudos, traballan con proveito e non conciben máis ideal que o de vivir con desafogo e sen dores de estómago.
Estes son os que me dicían:
– ¿Por qué te metiches en política? A política é unha cochinada e tí mellor estarías na túa casa, facendo arte.
Son galegos e non conciben que Galiza poida salvarse cunha política honrada. Son galegos e non saben que Galiza necesita unha política súa, para conquerir o desenrolo normal da súa economía. Son galegos e non se decatan da necesidade dunha política que garanta a vida da nosa cultura. Son galegos e non saben que temos un destino histórico que cumprir, na Hespaña e no mundo.
Estes son os que din:
– Eu non sinto a necesidade de falar galego (porque esa necesidade non se sinte no bandullo).
– Eu atópome ben onde poida vivir con desafogo (porque levan a patria na sola dos zapatos).
– Eu non creo en ninguén (porque tampouco cren en sí mesmos).
– Eu renego da política (porque saben que a política dá disgustos).
– Eu ríome dos políticos (porque cicais non atoparon a ocasión de laberlles os pés).
– Eu non pertenzo a ningún partido (porque non queren comprometer a súa tranquilidade).

Así son moitos galegos serios e sesudos na apariencia, que visten ben e saben impór respecto aos seus consocios de Casino.
Calquer día, un destes galegos que non quer meterse en política, pasa, de súpeto, a ser directivo dunha entidade que defende intereses, e védelo sentado nun banquete , a carón de calquer político inmundo.

(Este texto foi escrito por Castelao no seu desterro en Badaxoz en 1935).

Xa daquela, como vemos, Castelao denunciaba a hipocresía que supuña vilipendiar a vida política. Ben é certo que hoxe, coma onte, compre mudar moitas actitudes con respecto a este eido na re pública.

A cotío vemos prácticas e actitudes nos nosos políticos que non son as desexadas e que, nembargantes, obviamos ou non denunciamos, senón que simplemente as criticamos e resignámonos coma se fose unha doenza crónica. E nada máis lonxe da realidade.
A política non soamente é dos políticos. A política é da cidadanía ao completo, sexamos maiores de idade ou non xa que a política afecta a todas as idades e estractos sociais, xénero, etc.
A política son as estradas e autoestradas que percorres cada día, é a educación que recibes tí ou os teus fillos, é o uso que se lle dá aos teus impostos, son as infraestructuras que a túa vila, bisbarra ou comunidade necesita e que non chegan ou chegan tarde mal e a rastro.
Sí, parece que o fan a posta para que deixemos de involucrarnos na política e que así poidan facer o que lles pete cos cartos públicos, é dicir, os cartos de todos nós. Por iso cómpre non virar a faciana cara outro lado, cómpre ser partícipe do que acontece tanto a nível local coma autonómico, estatal, e incluso, hoxe máis ca nunca, europeo, xa que Bruxelas, por moi lonxe que fique, rexe as nosas vidas e o noso futuro.
Botando unha ollada en retrospectiva, se algo bo nos aportou esta crise económica e política, foi o espertar da xuventude e o agromar dunha nova conciencia do político e do público tras o 15-M.
Este movimento, espallado xa por todo o continente europeo e por medio mundo, hoxe máis que durmido eu diría latente, ofreceunos o mellor de cada cidadán, de cada persoa. Pero non nos enganemos, o grito de non nos representan agocha un arma de dobre fío: por un lado, é verdade que hai unha gran parte desa caste que non nos representa por mor da súa falla de escrúpulos, polo seu egoísmo, polo seu corporativismo e por desatender as necesidades básicas da cidadanía e atender en exclusiva as súas propias e as dos seus clientes políticos.
Agora ben, do mesmo xeito que a natureza nos ofrece velenos xunto cos seus antídotos, neste caso a política, máis ben a nosa ética, a nosa moral e a nosa cultura ofrécenos a posibilidade de pensar, reflexionar e decidr en qué político debemos depositar a nosa confianza, porque non todos os políticos son iguais, e porque todo é política. É por iso, pola importancia que a política ten na nosa vida, polo que temos a obriga de prestarlle un pouco máis de atención e de respecto.

Deja una respuesta