O Panarousanismo ou a integración das mancomunidades arousás.

Dende o comezo das sociedades humanas, co agromar das primeiras culturas e civilizacións, o relevo e os accidentes xeográficos conformaron tanto os lindes coma as canles polas cales fluían as diversas poboacións ata dotar dunha homoxeneidade cultural e/ou lingüística una determinada rexión configurándose, nalgúns casos, co paso do tempo una unidade política.
Vales, ríos, estuarios, lagoas, chairas, etc, serviron para configurar eses procesos. Tal foi o caso, por exemplo, do Mediterraneo para os romanos, coñecéndose ao final como o Mare Nostrum, O noso mar.
Na Galiza contamos con numerosos elementos que interviron na formación da nosa cultura xa dende a Idade do Bronce ata a Idade Contemporánea pero farei referencia, ao que para min, por motivos emocionais, é o máximo expoñente da orografía galega: A Ría.
E de entre todas as rías, e sin menosprezar a ninguna delas xa que cada cal conta coa súa idiosincrasia propia, a Ría de Arousa é a que maior atención vai recibir neste artigo.
Tal e como dixen anteriormente, se o Mediterraneo acabou convertíndose nunha lagoa privada de uso exclusivamente romano (Norwich, J.J. Madrid, 2000) e sendo do mesmo xeito a canle de comunicación, expansión e configuración da romanidade, no caso galego as rías foron e son do mesmo xeito un dos piares nos que se sustenta a nosa cultura, idiosincrasia e economía.
O caso arousán é particularemente interesante por varios motivos. Un deles é o citado anteriormente e que fai referencia á cuestión identitaria de cada ría, xa que logo, cada ría configura un todo en sí mesma abranguendo cuestións tales como variantes dialectais, técnicas pesqueiras, tipoloxía das diferentes embarcacións de ribeira, especialmente as dornas, actividades económicas, etc.
Vemos pois, que una ría constitúe un universo completo pero que lonxe de estar fechado en sí está aberto e interconectado co resto das rías e mesmo co país, sirva de exemplo o pulpo do craballiño, obtido dos dezmos do Mosteiro de Oia.
Na Arousa partimos do feito de que a nosa ría é a máis grande do país e ao contrario que no resto das rías onde as diferentes mancomunidades que as conforman traballan, viven e interactúan unas coas outras sendo a ría ese catalizador para o desenvolvemento socioeconómico das diferentes poboacións, na Arousa pasou todo o contrario.
Debido ao costume longo tempo extendido de aceptar as normas e usos de xentes alleas á nosa tradición, necesidades e arelas da nosa sociedade acabamos por aceptar, entre outras cousas, a división arousá en dúas metades: A saber, unha parte norte, a bisbarra do Barbanza, pertencente á Provincia de A Coruña e unha parte sur, a bisbarra do Salnés, pertencente á Provincia de Pontevedra.
Este feito, por simple e inocuo que pareza deu ao traste coa identidade arousá e dando lugar agora a dúas identidaes aparentemente distintas pero que no fondo beben da mesma fonte. Por un lado temos aos arousáns, que lonxe de agrupar a todos os habitantes do Mare Nostrum galego, fai referencia aos habitantes da parte sur e pontevedresa da ría, e por outro lado aos barbanzáns, que apenas teñen vínculo emocional ningún coa capital da provincia debido á distancia que os separa…
Do mesmo xeito que lle aconteceu ao Mediterráneo tras a caída do Imperio Romano de Occidente agora a Arousa, tras a división administrativa do século XIX era, no canto dun lago privado, un océano para os seus habitantes.
Só nestas últimas décadas comezouse a dar un lixeiro pulo á formación de macomunidades de concellos en ambas as dúas beiras e que parece que cada vez máis están a traballar en conxunto coa Ría como escenario de fondo.
Debemos ter en conta de que a densidade de poboación da ría é una das maiores da Galiza costeira detrás das areas metropolitanas de Vigo e Coruña, contando, en conxunto cunha densidade de poboación de 682.7 habitantes por Km2 no ano 2010.
Do mesmo xeito, con toda esta alta densidade de poboación é una das zonas que conta con máis poboación nova, sendo a media de idade por habitante de 42.6 anos no período 2010 e a taxa media de natalidade dun 9.11·/.. no perído 2009 e reflectíndose no número de alumnos matriculados en ensinanzas non universitarias cun total de 25.738 alumnos divididos entre as diferentes modalidades de infantil, primaria e secundaria.
No aspecto económico tampouco deixa de ter significancia xa que entre as dúas bisbarras contamos cun total de 12.827 empresas por condición xurídica sendo as máis importantes por número de traballadores as relacionadas coa pesca e conservas de peixes e mariscos. Sendo este o verdadeiro motor económico da Ría e a salvagarda do sustento das familias arousás fronte á xa asilvestrada crise económica propiciada polo outro tempo aclamado sector “productivo” da construcción.
Neste senso obtemos os seguintes datos con respeto aos rexistros de altas e baixas na seguridade social: No exercicio do 2010 vemos como o número total de baixas nos concellos arousáns é de 15.642 persoas fronte a 57.106 rexistros de alta na S.S.
Botando unha ollada a estes datos e tendo en conta o contexto socioeconómico que nos afecta faise necesaria una meirande integración das mancomunidades arousás para que poidan funcionar coma un todo e reclamar diante do goberno galego as políticas necesarias para o desenvolvemento social, económico e ambiental dos concellos da Ría, así como reclamar unha política de infraestructuras que permita unha mellor comunicación e integración entre os mesmos.
Observamos pois, que a área arousá pode converterse nun referente de desenvolvemento social, económico e ambiental no país. De adoptar esta actitude e traballar nesta dirección a “bisbarra” arousá chegará a ser o motor do cambio no país servindo a outras bisbarras de exemplo e introducindo esa actitude sustentable que sen lugar a dúbidas marcará a diferenza entre a vella e a nova Galiza, moderna, ambiciosa, respetuosa co entorno e coa xente e fachendosa da súa historia e a súa cultura.